Saúda da Alcaldesa

Marián F.

A historia do Concello de Narón está directamente vencellada co esforzo realizado desde a Administración local para coñecer o pasado da que hoxe é a oitava cidade de Galicia. Foi precisamente este Consistorio pioneiro a nivel autonómico en crear unha historia factográfica, isto é, partindo das súas propias fontes documentais. Hai que remontarse ao ano 1987 para situarnos nos tempos nos que os labores de investigación do pasado desta localidade se intensificaron grazas á decidida aposta económica do goberno local naronés, que non escatimou recursos para paliar a falta de estudos sobre a historia da cidade. Foi precisamente a finais da década dos 80 cando o Concello contou cun experto historiador e arqueólogo municipal, Andrés Pena, que plasmou a través de intensos estudos e análise parte da historia da localidade nunha decena de publicacións que forman xa parte do acervo histórico da cidade. Prestixiosos profesores e académicos como arqueólogos e historiadores de España e incluso doutros países europeos colaboraron tamén na realización deses traballos de investigación, divulgados a través de numerosas publicacións.

O Concello de Narón é considerado un municipio novo, constituído a inicios do século XIX, pero cunha historia documental remontable ao século  IX, e é a partir de aí cando se comeza a reconstruír un pasado no que cobran especial relevancia os mosteiros de San Martiño de Xuvia, e de San Salvador de Pedroso, as reais fábricas de Xuvia e o muíño de mareas das Aceas e o convento de Baltar, entre outras construcións que marcaron a historia desta cidade.

O pasado explica o presente. O Concello de Narón conta hoxe cun variado tecido empresarial, situándose como motor industrial da comarca; unha ampla oferta de servizos, un crecemento poboacional sen precedentes na zona nas últimas décadas e, en definitiva, un conxunto de realidades que consolidaron o auxe experimentado pola cidade, que traballa constantemente na procura do benestar das veciñas e dos veciños de Narón.

As trece parroquias da cidade: Xuvia, O Couto, A Gándara, Santa Icía, San Mateo, o Alto do Castiñeiro, Piñeiros, Doso, Pedroso, O Val, San Xiao, Sedes e Castro contan cun importante patrimonio histórico, arquitectónico, cultural e natural que desde o Concello de Narón continuaremos protexendo e difundido, orgullosos do noso pasado e sen perder de vista o próspero e ilusionante futuro que ansiamos as naronesas e naroneses para a nosa cidade.

Marián Ferreiro Díaz

Alcaldesa de Narón

 

Deixe um comentário

Preencha os seus dados abaixo ou clique em um ícone para log in:

Logotipo do WordPress.com

Você está comentando utilizando sua conta WordPress.com. Sair /  Alterar )

Foto do Google+

Você está comentando utilizando sua conta Google+. Sair /  Alterar )

Imagem do Twitter

Você está comentando utilizando sua conta Twitter. Sair /  Alterar )

Foto do Facebook

Você está comentando utilizando sua conta Facebook. Sair /  Alterar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.